Pablo Otero

Pablo Otero é un artista visual galego.

Realizou estudos universitarios de Belas Artes aínda que a súa formación como profesional é predominantemente de carácter autodidacta. As súas propostas no ámbito da edición e do libro ilustrado son diversas e nos últimos vinte anos ten colaborado en diversos proxectos e formatos, como libros de artista, poemarios, libros obxecto, tebeo, guías didácticas ou álbum infantil ilustrado. Do seu traballo na industria do libro salienta unha predilección por formatos destinados ao público máis novo, un aceno marcadamente interdisciplinar e experimental, tamén un gusto especial por técnicas e ferramentas consideradas tradicionais. Dos seus traballos para Kalandraka editora, Contos por teléfono de Gianni Rodari, forma parte da Lista de Honor do IBBY. Compaxina a actividade editorial coa docencia en Arte que desenvolve no marco da UE. Colabora con estudios de arquitectura en propostas de obra pública. Ler máis...

Celsius Pictor

Ourense, 1978.

Técnico superior en Ilustración, Celso Martínez Celsius Pictor traballa como director de Arte e ilustrador freelance a partir do 2011 logo de ter traballado en varias axencias de publicidade e estudios de deseño en Madrid durante máis de seis anos. A través do seu propio estudio colaborou con clientes de toda Europa, Canadá e os EUA. Entre as marcas que confiaron no seu traballo podemos destacar Ignis Ltd, Aftershare, Tiempo BBDO, Havas, Grey Spain, JTI, Vodafone, Movistar e Nivea. Traballos en prensa, campañas de publicidade, libros e apps amais de labor editorial en varias revistas, libros ilustrados e novelas compoñen o groso da súa produción. Ademais desenvolve un importante labor docente no campo da ilustración e a comunicación gráfica, impartindo obradoiros, cursos e masterclass. Ler máis...

Estíbaliz Espinosa

A Coruña, 1974, ano da mensaxe dende o radiotelescopio de Arecibo.

Escritora, tradutora, músico. Publicou varios libros de poemas, moitos como expresión da cultura única que hibrida ciencia e humanidades [-orama, número e, Zoommm.Textos biónicos, Papel a punto de]. Obtivo premios como o Esquío ou o Espiral Maior. Formouse como socióloga e filóloga na UDC. Escribe e publica relatos e ensaio. É astrónoma afeccionada; interésalle a constelación que une tecnoloxía, ciencia, linguaxe e maternidade. Ler máis...

Jorge Campos

Jorge Campos Sánchez, alias o Ilustratecto. Naceu en Ourense no 1982. É licenciado en Arquitectura pola Universidade da Coruña e técnico superior en Ilustración pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.

Como ilustrador, o seu traballo céntrase no ámbito do cómic, a ilustración infantil e xuvenil e o deseño. Obtivo o primeiro premio do Certame de Cómic de Cangas en tres edicións consecutivas (2015, 2016 e 2017), así como o primeiro premio no concurso para ilustrar o mural do Museo da Música de Barbadás. Realizou ilustracións para web e traballou no deseño de logotipos, carteis, camisetas e calendarios. Tamén participou en varias exposicións colectivas e revistas e mesmo impartiu algún curso de cómic. Ler máis...

Marcel Schwob

(1867-1905). É un dos máis importantes escritores en lingua francesa de todos os tempos a pesar de ter escrito poucas obras. Está considerado un dos renovadores da literatura de aventuras. Discípulo de Robert Louis Stevenson, a súa narrativa destaca pola imaxinación, a precisión do seu estilo e a capacidade de evocación. Dise del que é un lector metido a escritor e de aí que conecte tanto cos lectores máis ávidos, aqueles que están a descubrir todas as posibilidades da literatura como xeito de vivir máis vidas que a propia vida. A súa obra cumio é Vidas imaxinarias, agora publicada por Aira. Outros dos seus libros máis recoñecidos son A Cruzada dos nenos e O libro de Monelle.