Manuel Casal Lodeiro, Casdeiro naceu en Barakaldo (Euskadi), no 1970. Licenciado en Informática pola Universidade de Deusto, dedicouse á consultoría de proxectos en Internet, profesión unida ao seu activismo cultural e ecosocial. Argallou, entre outros proxectos, o primeiro webzine multilingüe no Estado español (Synapsis), a comunidade virtual Fillos de Galicia, o antipartido Democracia Directa Dixital, a asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo e a Guía para o descenso enerxético. Colaborou durante anos con PantallasAmigas na prevención de riscos das TIC na infancia e na adolescencia. Actualmente dedícase á divulgación sobre o proceso de colapso da civilización industrial, área na que coordina o Instituto Resiliencia, a multilingüe 15/15\15 Revista para unha nova civilización, e o programa de radio Vivirmos nun mundo finito. Participa no Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido pola Universidade das Nacións Unidas.
Recibiu o Premio Galeguidade de Ensaio da Xunta de Galicia no 2003, e publicou outros ensaios como A esquerda ante o colapso da civilización, Nós, os detritívoros e Las verdades incómodas de la Transición Energética. Tamén é autor de numerosos artigos en diversos medios, así como poemas, relatos e contos.
É pai e aprendiz de labrego permacultor.
www.casdeiro.info