Forma parte da primeira promoción de xornalistas formadas en Galicia, na facultade da Universidade de Santiago de Compostela, centro de ensino que foi o obxecto de estudo da súa tese de doutoramento lida no 2012. Dedícase desde o 2003 á comunicación no ámbito da cultura. Antes, exerceu o xornalismo colaborando con diferentes medios e, fundamentalmente, entre o 1993 e o 2002 como parte da redacción do semanario A Nosa Terra. Na mesma editora do xornal publicou no 1999 a biografía da actriz María Casares que abre a colección ‘Mulleres’, xunto a outro título dedicado á artista Maruxa Mallo, da autoría de Carme Vidal. Unha colección editorial nacida coa vontade de divulgar biografías de mulleres galegas, de enorme relevancia e cunha gran riqueza na construción do seu relato vital, pero tristemente descoñecidas para o público. Achegarse hai vinte e tres anos á vida e obra de María Casares levouna a xornadas, conferencias e publicacións diversas. A nivel persoal, a figura de María Casares segue sendo referente e permanente inspiración.