Celsius Pictor | Aira editorialeditorial

Celsius Pictor

(Ourense, 1978) Técnico superior en Ilustración, Celso Martínez Celsius Pictor traballa como director de Arte e ilustrador freelance a partir do 2011 logo de ter traballado en varias axencias de publicidade e estudios de deseño en Madrid durante máis de seis anos. A través do seu propio estudio colaborou con clientes de toda Europa, Canadá e os EUA. Entre as marcas que confiaron no seu traballo podemos destacar Ignis Ltd, Aftershare, Tiempo BBDO, Havas, Grey Spain, JTI, Vodafone, Movistar e Nivea. Traballos en prensa, campañas de publicidade, libros e apps amais de labor editorial en varias revistas, libros ilustrados e novelas compoñen o groso da súa produción. Ademais desenvolve un importante labor docente no campo da ilustración e a comunicación gráfica, impartindo obradoiros, cursos e masterclass.

O seu traballo divídese en dúas liñas: unha comercial e máis enfocada á publicidade e á ilustración infantil; e outra máis adulta e artística, baseada no collage e na meticulosidade que explora un universo persoal que asocia a evolución natural e mais a mecánica.

Polo seu traballo de ilustración publicitaria e editorial recibiu o Vertex Gold Award 2015 na categoría de packaging e foi finalista do Global Illustration Award 2016 na Feira do Libro de Frankfurt e do Encontro Internacional de Ilustração São João da Madeira 2016, entre outras mencións. Asemade, no 2014 foi seleccionado xunto con outros catro ilustradores europeos para ilustrar unha edición especial dos paquetes de tabaco da marca británica B&H, distribuídas por toda Europa.

No 2016 foi director e comisario da exposición colectiva “El Políptico de los Iluminados. Un viaje ilustrado por el legado de El Bosco”, coincidindo co V Centenario da morte do pintor.