A pesar do seu apelido, naceu en Vigo, en 1978.
Tras licenciarse en Belas Artes, compaxina a profesión de deseñadora gráfica coa labor docente.
Como docente, traballou como profesora de Realización en Multimedia na Escola de Imaxe e Son de Vigo, profesora de deseño gráfico e web en Obradoiros de Emprego, e maquetación web en cursiños da Universidade de Vigo.
Como deseñadora gráfica, traballou dez anos nos ámbitos da cartelería, identidade corporativa, deseño publicitario e maquetación editorial. Durante sete deses dez anos, tamén traballou como locutora de radio, realizando entrevistas, programas culturais e radio-fórmula. Colaborou tamén en diversos proxectos audiovisuais como editora de vídeo, infografista e locutora.
En 2012 decide que é o momento de comezar a andaina polo fermoso mundo da ilustración infantil, e cursa un Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. Durante ese periodo, participa en varias exposicións colectivas e gaña, cun traballo en colaboración, o primeiro premio na modalidade de Animación no XI Premio de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo.
Dende 2014, colabora coas súas ilustracións con varias editoriais compaxinándoo coa súa profesión como deseñadora no sector téxtil e co labor docente.
O seu primeiro álbum ilustrado, Macedonia de Versos (Aira Editorial), foi seleccionado finalista na categoría de mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2019.