Ramón Caride | Aira editorial

Ramón Caride

(Cea, 1957). É biólogo e traballou, desde 1981 até data recente, como profesor en distintos niveis educativos, publicando materiais científicos e didácticos antes de se centrar na escrita creativa. Animador de múltiples actividades culturais; foi o primeiro presidente da asociación cultural A Santa Compaña de Cambados, e un dos promotores da revista homónima. Ten desenvolvido unha intensa actividade na prensa, sendo columnista en distintos xornais como El Mundo, Faro de Vigo e O Correo Galego, e creador de series xornalísticas. Escolmas dos seus textos dispersos recóllense en antoloxías coma O gume dos espellos (2010) e CATRO X 34 (2020). Tras residir en varios lugares da Península, estableceuse en 1989 en Cambados, aínda que nunca perdeu o contacto coas terras do interior galego, o seu Louzós referencial. 

    É autor dunha extensa obra literaria, con moi diferentes xéneros e temáticas. A súa traxectoria creativa principiou nos oitenta, ligada ao asociacionismo cultural da época, en suplementos culturais e revistas como Bisbarra, inicialmente como poeta, sendo os seus primeiros libros Paisaxe de verde chuvia (1986) e Tudo quanto hà no mundo (1989), considerados polo autor obras de aprendizaxe, non retomando a poesía até mediados os noventa. A súa segunda etapa poética (1994-2005) foi recollida e revisada por el mesmo no volume As máscaras de Cronos (2006). Nunha terceira publicou Criptografías (2009) e A chuvia humana (2011), este último centrado nos aforismos e micropoemas, teima que agora continúa coas súas colaboracións na Revista Inviable. Participou, entre outros, nos discos Xeografías do Deserto (2015) de Ramón Nuñez e Sito Suárez, e Poema Elevado (2018), do grupo AD HOC; así como no proxecto OIP (obxectos intrapoéticos) co escultor Francisco Pazos (2021).

    Dentro da súa produción infantil e xuvenil, aparecen títulos como: Micifú e os seus amigos (2000), O cabo da serpe (2004), a peza teatral Historia dunha sobreira (2001), Un coelliño na beiramar (2007), Andanzas de Xan Farrapeiro (Premio Frei Martín Sarmiento 2009), Catro amigos pillabáns (2011), A pomba Dona Paz (Premio Frei Martín Sarmiento 2012), O capitán Aspanitas (2013), As viaxes de Ruki (2014), Ari e o Minotauro (2015), Sara ten un segredo (2018), VdeBestiario (2020) ou As músicas viaxeiras (2021). Destaca a serie As aventuras de Said e Sheila, ilustrada por Miguelanxo Prado, publicada en varios idiomas e con multitude de reedicións, que forma parte dos plans nacionais de lectura escolar en Portugal e na República Dominicana, iniciada con Perigo vexetal (Premio Merlín 1995). A esta obra seguiron  Ameaza na Antártida (1997), O futuro Roubado (1999), A negrura do mar (Premio Frei Martín Sarmiento 2006), e foi culminada con O camiño da Estadea (2016). 

    No campo da narrativa, moi recoñecida pola crítica e os lectores, conta con novelas tan destacadas como a triloxía de sombras e de lume, integrada por Soños eléctricos (Premio Blanco Amor 1992); Sarou (Premio Café Dublín, 1997), reeditada e ampliada como Sarou/Louzós (2012); e O Sangue dos camiños (Premio Risco de Literatura Fantástica 2003), publicada tamén en México, onde foi presentada nas FIL de Guadalajara e Oaxaca de 2008,  co título de Tiempos de Fuga. Coa novela histórica O frío azul acadou o Premio Lueiro Rei 2007, e coa súa versión castelá o Premio Templis 2011 á mellor novela independente do estado español. En 2016 publicou a sorprendente Liquidación de existencias. O último ciclo realista da súa autoría está formado por Terra queimada (2017), Historias (in)certas (2020) e a recente A velocidade crítica (2021).    Como autor de relatos publicou, entre outros, os volumes: Crónica de sucesos (1991), Lumefrío (1994), Fendas no tempo (1995), A incerteza dos paraísos (2000), Escáner (2002), Boca da noite (2003), Dedre (2004) ou Flash-Black 13 (2014). Coa serie Aktual, ilustrada por Manuel Busto, integrada por Exogamia 0.3 (2011), Endogamia 0.2 (2013) e Singamia 1.1 (2020), centrouse no impacto da tecnoloxía, a degradación ambiental, a corrupción política e a vertixe das mudanzas sociais. Temas xa presentes décadas antes, curiosamente, en Soños eléctricos, a súa primeira novela; unha obra que non perdeu actualidade.