Raül Garrigasait (Solsona, Catalunya, 1979) é escritor e helenista. No eido do ensaio explorou temas como o cosmopolitismo, os perigos e potencialidades da ira, a entrada da modernidade estética en Catalunya e os usos políticos dos clásicos grecolatinos. No libro País barroc (2020) propuxo unha singular combinación de ensaio autobiográfico e reflexión cultural e histórica, e recentemente acaba de publicar a súa segunda novela, Profecia. Traduciu ao catalán obras de Platón, Goethe, Joseph Roth, Peter Sloterdijk e Thomas Bernhard, entre outros. Móvese entre a reflexión e a narrativa e foi construíndo unha obra que recolle elementos dunha longa tradición literaria e filosófica para interrogarse sobre os ídolos e malestares da modernidade. Os estraños, que se publicou en catalán no 2017, foi distinguida con algúns dos premios máis importantes da literatura catalá.