Xosé Manuel Vega Gómez naceu no 1960 na casa de Rubinos de Souto (Becerreá, Os Ancares). «A casa e o lugar xa case desapareceron da paisaxe, pero seguen vivos na miña memoria. De neno fun ben mandado e traballei coma un home e, xa de home, fago cousas de neno, como soñar, e non me gusta que manden en min», defínese.
É licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Autónoma de Barcelona. Traballa na Televisión de Galicia desde 1986. «Sempre tratei de ser un profesional digno». Durante 16 anos foi o responsable da información do Parlamento. Deixou a información diaria hai uns 15 anos e desde entón dedícase aos documentais e entrevistas. Dirixiu a serie Historias de Galicia e actualmente está gravando Os castros.
No 2004 promoveu e defendeu no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular para a democratización dos medios públicos galegos, «que seguen como estaban ou peor», recoñece. Tamén foi decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. «Sei que a verdade sempre ten custos e que a mentira sempre busca beneficios».