Mecenas 2023 - A dama de branco

A dama de branco, obra pioneira da novela negra, por fin en galego nos Clásicos IIustrados de Aira Editorial

Escrita por Wilkie Collins e editada orixinariamente por Charles Dickens entre 1859 e 1860, será traducida por Isaac Xubín e ilustrada por Juan Berrio
A editorial de Allariz lanza unha campaña de mecenado para facer a comunidade lectora parte do proxecto

Cada semana, a revista All the Year Round , dirixida por Charles Dickens, distribuía cen mil exemplares en Reino Unido. Nas súas páxinas publicouse serializada, entre finais de 1859 e a primavera de 1860, a novela A dama de branco (The Woman in White) do seu amigo e admirado escritor Wilkie Collins. Considerada unha das primeiras novelas de misterio, precursora do xénero negro, da historia da literatura; adorada por autores como T. S. Eliot ou Jorge Luis Borges; adaptada aos escenarios teatrais en múltiples ocasións e levada á pantalla desde os anos do cinema mudo ata hoxe en día —a última produción, unha serie da BBC vista por millóns de británicos en 2018—, A dama de branco por fin poderá ser lida en galego. Dentro do seu proxecto “Clásicos Ilustrados”, Aira Editorial aposta para este ano 2023 por unha obra magna e, malia o paso do tempo, extraordinariamente popular en todo o planeta. O libro chegará ás librarías con tradución de Isaac Xubín e co traballo ilustrador de Juan Berrio. A editorial de Allariz lanza unha campaña de mecenado para envolver á comunidade lectora neste acontecemento literario.

Como xa fixo con O relato de Arthur Gordon Pym de Edgar Allan Poe, Heidi de Johanna Spyri, Unha noite no tren da Vía Láctea, de Kenji Miyazawa, Frankenstein de Mary Shelley (Premio á Mellor Tradución 2019, de Samuel Solleiro, na Gala do Libro Galego), e Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob Aira Editorial aposta por editar en galego obras fundamentais da biblioteca das letras universais. Unha colección que é “unha declaración de amor ao libro como obxecto incomparable. Facemos libros bonitos de ler, feitos para admirar, para coidar e para coleccionar”, tal como sinalan os responsables da editorial. Implicar a comunidade lectora e todos aqueles espazos ao redor do libro como son as librarías ou os clubs de lectura na edición dunha xoia clásica como A dama de branco é o obxectivo da campaña de mecenado que promove a editorial.

A dama de branco, inspirada no caso de Louisa Nottidge, secuestrada e encarcerada pola súa familia nunha época na que as mulleres podían ser recluídas baixo declaración de desequilibrio mental, é unha novela que contén suspense, drama e amor, e na que as súas personaxes fan parte da narración como testemuñas dos feitos. Tres personaxes femininas, Laura Fairlie, Marian Halcombe e Anne Catherick, representan a situación desigual das mulleres na sociedade británica do século XIX con todas as intrigas que se cernen sobre elas; Walter Hartright, protagonista da novela e precursor dos detectives do xénero negro, teimará na investigación do pasado e, a través das súas pesquisas, iremos coñecendo unha historia de segredos e mentiras cuxas grandes damnificadas son as personaxes femininas da novela de Collins.

Comunidade lectora e mecenas

A campaña de mecenado de A dama de branco xa está en marcha con toda a información dispoñible na páxina airaeditorial.gal. A recompensa por ser mecenas do clásico ilustrado 2023 —cunha achega de 70 euros—, ademais da obtención dun exemplar da obra, inclúe unha lámina ilustrada por Juan Berrio ambientada no universo literario do libro así como unha bolsa de algodón cunha ilustración orixinal, un exemplar de calquera produto do catálogo de Aira Editorial, un desconto dun 20% por cada clásico ilustrado comprado a maiores antes da saída ao mercado, e un agasallo sorpresa. Ademais, as persoas mecenas terán acceso exclusivo e en primicia aos avances nos traballos de ilustración do clásico e a adiantos de fragmentos traducidos, e poderán incluir o seu nome ou o de quen desexen na edición de A dama de branco. E como detalle con aquelas persoas que se animen ao mecenado xa durante o mes de abril, a editorial agasaralles co clásico ilustrado Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob.

No caso das librarías mecenas, Aira Editorial ten establecida unha liña de colaboración con aqueles establecementos que contan con todo o seu fondo editorial, que se pode consultar na web da editorial: airaeditorial.gal/librarias.

O ilustrador: Juan Berrio

Persoal, cotiá, preciosista, sutil, atemporal. Estas palabras poderian achegarnos á obra de Juan Berrio, con máis de trinta anos de dedicación á ilustración, á banda deseñada, ao debuxo e á fotografía. Un dos ilustradores españois máis relevantes encárgase de dotar de sensibilidade e misterio a esta trama non exenta de personaxes intrigantes que é A dama de branco. Desde que comezou na revista Madriz, Berrio non deixou de debuxar e de publicar en todo tipo de revistas: Newsweek, MarieClaire, Cinemanía, Jot Down, El País, El Periódico de Catalunya, etc. En 2012 gaña con Miércoles o V Premio Internacional de Novela Gráfica Fnac-Sins Entido e, nos últimos anos, destacan as súas novelas gráficas Kiosco (Dibbuks, 2014), Siete sitios sin ti ( Dibbuks, 2018) e El niño que (Nuevo nueve, 2020) ademais de realizar múltiples traballos de ilustración tanto para público adulto como infantil.

O tradutor: Isaac Xubín

O escritor e tradutor Isaac Xubín acomete a tarefa de verquer ao galego A dama de branco. No conxunto da súa obra, poética, narrativa e ensaística, as linguas e as viaxes teñen un papel central. No terreo da tradución ao galego é salientable o seu traballo na divulgación de autores vascos como Harkaitz Cano, Juanra Madariaga e Uxue Alberdi, para a editorial Hugin e Munin. As súas traducións de Tempo de exilio e Unha volta ao mundo, de Joseba Sarrionandia, foron publicadas en Kalandraka. Con Tulipa Editora traduciu a poesia de Luis García Montero en O dono do derradeiro minuto en 2018, e desde o inglés destacan as traducions do admirado autor irlandés Flann O’Brien (A boca pobre, Rinoceronte Editora, 2016) e do expoñente da nova poesía británica, Andrew McMillan (Físico, Chan da Pólvora, 2019). Xubín foi foi lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda, en Cork. Con Aira Editorial traduciu o ano pasado Aprender a falar coas plantas da autora Marta Orriols, Premio Òmnium á mellor novela en lingua catalá do ano 2019.