Aira editorial únese ao acordo subscrito entre a distribuidora Consorcio Editorial Galego e unha trintena de editoriais galegas para apoiar as librarías galegas nun momento de grave dificultade económica. Por este acordo, calquera libraría que compre libros de Aira a través do Consorcio Editorial Galego recibirá un desconto extra até chegar ao 40% sobre o PVP. Con este aumento, Aira quere apoiar as librarías nestes momentos de incerteza.
O acordo considera que as librarías de proximidade son as empresas que soportan o peso da difusión do libro en galego e actúan como principal elemento de promoción das nosas letras. Mediante esta alianza entre os dous elos da cadea do libro: edición e distribución, moitas librarías poderán beneficiarse, dun xeito directo e palpable na súa conta de resultados, perante a grave situación actual.
Aira editorial súmase, así, a unha iniciativa que procura manter o tecido cultural en vilas e cidades, case sempre sobre os ombreiros de libreiros e libreiras que poñen o seu talento e esforzo a prol da creatividade e a vitalidade da lingua e da cultura de noso.