Aira editorial é unha empresa nacida dunha libraría, Aira das Letras. Sempre o dicimos e sempre o dicimos con moito orgullo. Somos editores. Somos libreiros. E para nós, as librarías que distribúen por toda Galicia os nosos títulos son cómplices, amigas.
E que ocorre neste tempo cos e coas amigas? Que as estrañamos, que queremos velas de novo. Nós queremos ver as librarías abertas de novo e funcionando. E queremos apoialas. Ti tamén podes.
Porque se compras un libro de Aira tanto a través do correo electrónico aira@airaeditorial.gal como a través da web de airadasletras.gal e nos comentas en que libraría cómplice terías comprado o teu exemplar, nós farémoslle chegar a súa porcentaxe de ganancia correspondente, o 40%.
Os métodos de pagamento son moi doados. Se compras a través do correo electrónico de Aira editorial só tes que efectuar unha transferencia. Para pagamentos con cartón, mellor en airadasletras.gal. Durante o proceso de compra simplemente tes que indicarnos cal é a túa libraría cómplice.