Heidi - Johanna Spyri

‘Heidi’, novo título para o 2021 da colección ‘Clásicos Ilustrados’

Particulares e librarías poden apoiar o proxecto cunha nova modalidade: Mecenas Especial

Heidi - Johanna Spyri
Ilustración: Miguel Robledo

No Nadal do 2021, Aira editorial quere publicar en galego o clásico da literatura alemá Heidi, escrito pola suíza Johanna Spyri no 1880 e que ao longo dos anos se converteu nun dos libros máis vendidos, recoñecidos e adaptados a outros formatos da narrativa infantil e xuvenil europea.

Como cada ano, o proxecto da nosa colección ‘Clásicos ilustrados’ precisa do apoio dos mecenas literarios quen, co seu compromiso, fan posible que sigamos publicando en galego obras fundamentais da biblioteca das letras universais.

A principal novidade deste ano é a creación da nova modalidade Mecenas Especial, tanto pensado para librarías como para particulares. Podedes ver nestas ligazóns as condicións específicas de cada forma de participar neste proxecto.

Mecenas particular.

Librarías Mecenas.

Heidi chegará ás librarías no próximo outono, perfecto para ser un bonito agasallo de Nadal. Desta volta, coa modalidade especial, aqueles mecenas particulares que así o desexen poderán non só adquirir un lote para si mesmos senón ter até catro lotes máis para compartir con quen queiran. O mecenado tradicional custa 60 euros; o especial, 150 euros.

Ademais, os mecenas especiais recibirán un estoxo-caixa fabricado en madeira autóctona galega e fabricado en Allariz, cun deseño exclusivo obra do artista encargado de ilustrar a obra de Spyri.

A edición de Heidi contará cunha nova tradución e aparecerá no formato habitual da colección: encadernación en tapa dura, papel de alta calidade e ilustracións a toda cor obra dun artista galego de primeiro nivel.

A nosa colección Clásicos ilustrados é unha declaración de amor ao libro como obxecto incomparable. Facemos libros bonitos de ler, feitos para admirar, para coidar e para coleccionar.

Axúdasnos a conseguilo?