Narracion 03

Nace o Club Aira, a forma máis rendible de apoiar a nosa editorial

Presentamos o novo Club Aira, que incluirá dúas modalidades de vinculación coa nosa editorial. O Club Aira xorde tras tres anos de experiencia coas Mecenas Literarias, que sosteñen desde o 2018 a colección ‘Clásicos Ilustrados’. Agora, ademais de ser mecenas, podes ser socio e beneficiarte de varias vantaxes.

Ser socio do Club Aira permíteche obter un 25% de desconto en todos os nosos produtos de venda libre (bolsas, mapas, cadernos, pósters…). Nos próximos meses Aira editorial fará un esforzo para ofrecer máis produtos deste tipo no seu catálogo, dada a boa acollida das liñas presentadas até agora. Universos creativos como o do ilustrador Miguel Robledo ou os personaxes do Atlas da Galicia pequeniña e Historia da Galicia pequeniña contarán con novos artigos.

Ademais, por seres socio recibirás de regalo dúas unidades dos nosos cartóns postais, marcapáxinas e cadernos ilustrados. Tamén desfrutarás de sorteos exclusivos e recibirás de balde o noso boletín de novidades con contidos de calidade sobre a nosa produción editorial. E todo isto por unha única cota de 10 euros ao ano.

Mecenas

A categoría de Mecenas recolle as mesmas vantaxes ca as de socio, pero inclúe beneficios complementarios relacionados coa colección de ‘Clásicos Ilustrados’, que no Nadal do 2022 publicará A narración de Arthur Gordon Pym, de Edgar Allan Poe, traducido ao galego por Samuel Solleiro e ilustrado por Marina Seoane.

Os e as mecenas poderán acceder en primicia aos contidos do proxecto, tanto no relativo ás ilustracións coma a fragmentos da tradución. Asemade, o nome do mecenas aparecerá na páxina de agradecementos do libro.

Ademais, por seres mecenas recibes de balde un exemplar do libro de Poe asinado pola ilustradora, unha lámina exclusiva, asinada e numerada, de Marina Seoane, calquera libro ou produto do noso catálogo, unha bolsa de algodón e un marcafollas, ambas referidas ao universo de Gordon Pym.

Tamén poderás reservar cantos exemplares queiras d’A narración de Gordon Pym co 20% de desconto, e por se todo iso non te conforma, tamén che mandaremos un agasallo sorpresa.

Para desfrutar de todo iso tes que subscribirte ao Club Aira na categoría de mecenas cunha cota única de 70 euros ao ano.

Queremos que o Club Aira consolide a nosa comunidade lectora e nos axude a asentar este proxecto editorial nacido nunha vila pequena, Allariz, cun equipo pequeno, mais cunha imaxinación e entusiasmos moi grandes. Contar como até agora co apoio e aplauso de moi variados públicos fainos o noso traballo moito máis doado.