Flaz miniatura

O FLAZ amplía a súa proposta para a comunidade lectora coa Feira de Editoras Galegas

Editoriais como Antela, Cuarto de Inverno, Patasdepeixe, Boadicea, Los Libros del Salvaje, Rinoceronte, Rodolfo e Priscila e Aira Editorial, estarán presentes o sábado 6 de xullo na Praza do Matadoiro.
Marta Orriols, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva e Bernat Fiol, no Festival Literario de Allariz, co eixo temático “escribir e publicar non son a mesma cousa”.
O festival propón, ademais, como arranque da fin de semana literaria, un roteiro polo casco histórico de Allariz o venres 5 de xullo xunto coas figuras convidadas.

O III FLAZ (Festival Literario de Allariz) engorda a súa oferta para a comunidade lectora coa Feira de Editoras Galegas o sábado 6 de xullo. Na Praza do Matadoiro as persoas asistentes ao festival poderán coñecer o traballo de diversas editoriais a través dunha feira aberta durante toda a xornada. O FLAZ, que procura poñer en contacto ao público con todos os elos da cadea do libro, conta este ano coa participación dos autores Marta Orriols, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide, e dos axentes literarios Marina Penalva e Bernat Fiol. Os días 5 e 6 de xullo, Allariz convértese nun punto de referencia para as persoas amantes do libro e da lectura; para elas, tamén, a posibilidade de facer un roteiro polo casco histórico de Allariz xunto coas figuras convidadas ao terceiro FLAZ.

Editoriais como Antela, Cuarto de Inverno, Patasdepeixe, Boadicea, Los Libros del Salvaje, Rinoceronte, Rodolfo e Priscila e Aira Editorial, estarán presentes o sábado 6 de xullo na Praza do Matadoiro na Feira de Editoras Galegas, aberta desde as 11h ata as 21h. Un dos obxectivos do FLAZ é crear un espazo de encontro directo entre todos os campos vinculados ao libro e á lectura (autores, editores, axentes, etc), e a comunidade lectora. A Feira estará situada a carón da Sala de Exposicións A Fábrica, onde se desenvolven os diálogos e mesas redondas desta terceira edición do FLAZ.

Entre os obxectivos do FLAZ Festival Literario de Allariz está contribuír ao carácter de centro e destino cultural de Allariz e da provincia de Ourense, rachando as fendas entre a cultura nos espazos urbanos e a cultura no rural. O FLAZ quere impactar na contorna con iniciativas como o roteiro polo casco histórico de Allariz, que terá lugar o venres 5 de xullo ás 17h da man de Xeitura, entidade local especializada en patrimonio e turismo cultural. Todas aquelas persoas que desexen visitar Allariz, en compaña das figuras convidadas este ano, poden participar no roteiro inscribíndose no correo comunicacion@airadasletras.gal. As prazas son limitadas.

Escribir e publicar, os diálogos do FLAZ 2024

Memoria e historia na novela’, un diálogo entre Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide, será o primeiro encontro deste terceiro FLAZ, na tarde do 5 de xullo na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz. Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, con obra traducida a varias linguas. Pola súa banda, Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) é xornalista e escritor; en 2005 lanza O home inédito, que foi a primeira novela galega publicada en Internet. En 2021, lanza xunto á escritora Berta Dávila, o selo editorial Rodolfo e Priscila, e en 2023 publica con Xerais a novela histórica Viva a Comuna.

Todo o que quixo saber sobre os axentes literarios e nunca se atreveu a preguntar’ é o título do diálogo entre Marina Penalva e Bernat Fiol, que terá lugar o sábado 6 de xullo ás 12h na Fábrica de Allariz. Casanovas Lynch, con sede en Barcelona, é a axencia literaria na que Marina Penalva desenvolve a súa actividade profesional desde 2019. Trátase dunha axencia especializada en autores literarios de España e América Latina (Javier Marías, Juan Gabriel Vásquez, Manuel Jabois, Juan José Millás, Mariana Enriquez, entre outros), onde Penalva se encarga da xestión dos dereitos domésticos, de tradución e tamén audiovisuais dun grupo de autores (Andrea Abreu, Irene Solà, Irene Vallejo, Munir Hachemi, Gabi Martínez, Miguel Ángel Hernández, Karina Sainz Borgo ou Brais Lamela, entre outros). No caso do mallorquín Bernat Fiol, tras traballar como axente a tempo completo na axencia literaria Antonia Kerrigan, fundou SalmaiaLit en 2008. É axente de autores de gran prestixio como Eider Rodríguez, Miquel Martín, Raül Garrigasait e Eva Baltasar, entre outros.

Xa na tarde do sábado, encontro entre dúas autoras: Marta Orriols e Berta Dávila baixo o título ‘A vida cotiá como materia prima na literatura actual’. Marta Orriols, que vive e traballa en Barcelona, debutou como escritora co libro de contos Anatomia de les distàncies curtes (2016), que, xunto coa novela Aprender a falar coas plantas (2018), Dolça introducció al caos (2020) e A posibilidade de chamarlle casa (2023) recibiron o aplauso do público e os eloxios da crítica. A súa obra está traducida a dezaseis idiomas. A compostelá Berta Dávila recibiu dúas veces o Premio da Crítica Española en lingua galega, polo poemario Raíz da fenda (2013) e a pola novela Carrusel (2019), que tamén gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve, que tamén gañara con O derradeiro libro de Emma Olsen (2013). Con Os seres queridos (Xerais, 2022), obtivo o Premio Xerais de Novela, o premio Follas Novas ao mellor libro de narrativa de 2022, e o premio da Crítica Galicia. A súa última novela é A ferida imaxinaria (2024).

Escribir e publicar non son a mesma cousa”. Así se titula a mesa redonda coa que a programación do FLAZ 2024 rematará o sábado ás 19.30 coa participación de todas as figuras convidadas: Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva, Bernat Fiol, Marta Orriols e Berta Dávila. Ademais do Concello de Allariz, o FLAZ conta co apoio de diferentes establecementos e empresas da contorna como Xeitura Patrimonio Sociedade Cooperativa, Fina Rei, os restaurantes Fio de Liño e Alarico, a libraría Maruxairas e Aira Editorial.

PROGRAMA FLAZ 2024

A Fábrica, Allariz. Entrada libre ata completar aforo

Venres 5 xullo

17:00. Roteiro polo casco histórico de Allariz da man de Xeitura Turismo Cultural. Punto de partida: Praza do Matadoiro. Prazas limitadas. Inscrición en comunicacion@airadasletras.gal

19:30. ‘Memoria e historia na novela’. Diálogo entre Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide.

Sábado 6 xullo

11:00 a 21:00. Feira de Editoras Galegas (Praza do Matadoiro). Participan: Antela, Cuarto de Inverno, Patasdepeixe, Boadicea, Los Libros del Salvaje, Rinoceronte, Rodolfo e Priscila e Aira Editorial,

12:00. ‘Todo o que quixo saber sobre os axentes literarios e nunca se atreveu a preguntar’.

Diálogo entre Marina Penalva e Bernat Fiol.

17:30. ‘A vida cotiá como materia prima na literatura actual’.

Diálogo entre Marta Orriols e Berta Dávila

19:30. ‘Escribir e publicar non son a mesma cousa’.

Mesa redonda con todos os convidados: Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva, Bernat Fiol, Marta Orriols e Berta Dávila.