‘Unha noite no tren da Vía Láctea’, clásico ilustrado do 2020

Este ano escollemos unha obra mestra da literatura xuvenil xaponesa, Unha noite no tren da Vía Láctea, que publicaremos en versión galega de Gabriel Álvarez cunha escolma dos relatos de Kenji Miyazawa.

Aínda que a obra que Kenji Miyazawa (1896-1933) publicou en vida foi escasa e gozou de pouca atención, os seus contos e poemas son hoxe en día lidos e apreciados tanto no seu país de orixe coma no resto do mundo.

Os seus contos infantís afástanse das obras canónicas que, nas primeiras décadas do século XX, se publicaban en revistas como a famosa Akai tori [O paxaro vermello]. Algúns dos elementos que influíron na creación do seu universo narrativo son a paisaxe da súa terra natal (Hanamaki, na prefectura de Iwate), o budismo que coñece e vive desde pequeno ou o falecemento prematuro da súa irmá Toshi, dous anos máis nova ca el. Miyazawa demostra na súa obra saber conxugar o amor polo local e a comunicación co outro e co universal, fronte ao ultranacionalismo e ao militarismo que imperaban no Xapón da súa época.

Ihatov é o nome do universo máxico que crea, unha imaxe especular da súa Iwate natal e da rexión de Tōhoku na cal verte toda a súa imaxinación poética. Un mundo poboado por crianzas, labregos, cazadores, espíritos do vento, homes das montañas, gatos bravos, corzos, raposos, osos, lobos e outra criaturas e elementos da Natureza. A pesar de que moitos dos contos póstumos foron publicados sen rematar, o propio autor corrixiu unha e outra vez a súa obra en vida, porque, como el mesmo chegou a afirmar «a perfección reside na eterna imperfección», adaxio que conecta coa tradicional visión estética xaponesa do wabi-sabi, a beleza no imperfecto e no transitorio.

Unha noite no tren da Vía Láctea é unha escolma dalgunhas das historias máis representativas deste autor imperecedoiro, contos que forman xa parte do imaxinario infantil xaponés e que, en moitas ocasións, teñen sido adaptados a outros formatos, coma o cinema, o teatro, a animación ou a banda deseñada.

Unha referencia a “‘Unha noite no tren da Vía Láctea’, clásico ilustrado do 2020

Os comentarios están pechados.