IMG-20210620-WA0001

Verán 2021: Aira presenta sete novidades para todos os públicos

Banda deseñada, clásicos rescatados, libro ilustrado informativo, poesía e novela de intriga

Para o Día da Patria publícase unha nova biografía de Moncho Reboiras

Este verán vas poder escoller a túa próxima lectura en galego de entre un ramallete de novidades para todos os gustos. Aira editorial publica sete novidades que abarcan varios xéneros, gustos e públicos obxectivos.

Banda deseñada infantil

Se no 2020, en pleno confinamento por causa da covidia, Aira lanzaba ao mercado o primeiro número da súa colección de cómic para público infantil, Carriandola. As abraiantes aventuras de Mariña, de Aloysius e Simón Blanco; neste 2021, a colección refórzase con dous novos títulos.

Gazafellos, de Fon, é un libro de banda deseñada pensado para lectoras e lectores a partir dos oito anos. Unha obra de aventuras con moito humor que nos conta o que ocorreu nas vidas de Mauro e Tiago cando no bosque toparon co gazafello máis fedello do mundo, Fede, que ha poñer o seu mundo patas para arriba. Fon é un dos autores de cómic infantil máis importantes do momento e neste traballo consegue un universo propio no que á rapazada lle vai ser moi doado sentirse a gusto.

O destino de Kameko, con guión de Abel Alves e ilustracións de Jorge Campos, é unha novela gráfica pensada para rapaces e rapaces a partir de dez anos. Unha historia de aventuras, con moito combate e xiros inesperados, ambientada no Xapón dos samurais e ninjas. A través de dúas protagonistas femininas, os autores homenaxean a cultura do país asiático cunha novela de resaibo clásico e moi entretida. Tanto Alves coma Campos están nun momento doce de publicación, alcanzando gran madureza creativa, algo que se pode comprobar coa lectura deste libro.

Nova colección “Un día de festa en…”

Tamén Jorge Campos, desta volta canda César Cequeliños, asina Un día de festa en… Allariz, un libro ilustrado informativo que resume a esencia da vila medieval: a súa xeografía, historia, costumes, produtos típicos, monumentos… todo está neste libro pensado para que as crianzas coñezan a localidade, guiados por un grupo ben simpático que compoñen Paula, Sabela, Anxo, Karim e a cadela Meiga. Este volume inicia unha nova colección que percorrerá os concellos galegos para que as novas xeracións sexan conscientes da riqueza que atesoura a nosa nación, moitas veces ignorada xustamente por quedarnos “perto de máis”. Cequeliños e Campos xa firmaron, con grande éxito, o Atlas da Galicia pequeniña, o best-seller de Aira que xa vai pola cuarta impresión, con máis de 4.000 exemplares vendidos.

Volve María Oruña, volve o misterio

O que a marea esconde é a nova novela de María Oruña, traducida ao galego e que saíu ao mercado con grande expectación entre os milleiros de fan da escritora viguesa. Nesta obra fala galego por primeira vez a tenente Valentina Redondo, santiaguesa, destinada en Cantabria, onde debe resolver o caso máis difícil da súa carreira: quen matou a Judith Pombo, a todopoderosa presidenta do club de tenis local? Quen o deu feito se o cadáver foi atopado nun cuarto pechado? Oruña homenaxea con este libro os clásicos do misterio, especialmente a Gaston Leroux e Agatha Christie. Oruña cambia de escenario, máis continúa na literatura de misterio, tras o éxito de O souto dos catro ventos, tamén publicado por Aira, e que xa vai pola cuarta impresión.

Un novo clásico rescatado

En Aira consideran que hai varias obras mestras, relativamente recentes na literatura galega, que por diversas razóns ficaron esquecidas ou descatalogadas, directamente. No 2020 saíu do prelo a edición comemorativa do 35º aniversario de Xa vai o Griffon no vento, de Alfredo Conde. E neste 2021 será a vez de dous novos ‘Clásicos Rescatados’, o primeiro deles, xa á venda, O paso do Noroeste, de Xavier Queipo, no seu 25º aniversario, que no seu día foi Premio García Barros, ex aequo. Nesta novela, Queipo xa recolle moitos dos temas que nutren a súa traxectoria literaria: o mar, a aventura, o interese científico, a natureza en relación coa humanidade, a tensión entre tradición e progreso… Nunha trama moi ben levada e con personaxes e situacións inesquecibles, esta obra edítase nunha coidada edición, con capa e mapas deseñados polo ilustrador Miguel Robledo.

Premio de Poesía Cidade de Ourense 

Lorena Conde gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense 2020 con As puntas da louza. Cancioneiro popular de labor, que Aira publica na súa colección ‘Fina Rei’, de poesía de mulleres. Utilizando como materia prima a poesía popular, a autora pon en cuestión a validez da nosa tradición poética oral para promover a liberación das mulleres en todos os eidos. Conde emprega as ferramentas dos xéneros populares para propoñer un novo discurso contra “a máquina que oprime”. O libro é unha homenaxe ás mans que traballan e ás que traballan coas mans.

En xullo, nova biografía de Moncho Reboiras

Reboiras, o camiño da rebeldía é o título do libro que para o Día da Patria presenta Aira. Escrito por Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez González, o texto fai un percorrido xornalístico e histórico pola personalidade e feitos da vida do dirixente nacionalista galego asasinado pola policía franquista en agosto do 1975, mais tamén acode ás voces que foron testemuñas daquel tempo, crucial na loita pola democracia e para entender o deseño contemporáneo do galeguismo. A creación da UPG, a influencia dos movementos obreiros no nacionalismo, o debate sobre a loita armada… Pereiro e Martínez amosan un fresco dunha época quizais irrepetible, próxima na historia, mais moi afastada polo avance das mentalidades, a tecnoloxía, a filosofía vital, o final do franquismo e outros factores.

Un outono cheo de historias

Xa de cara ao outono, Aira publicará novos libros, cunha importancia destacada da tradución, en especial dos clásicos da literatura infantil universal. O xardín secreto, de Frances Hodgson Burnett, chega da man da tradución de Carlos Freire. Un libro marabilloso que mantén a súa frescura, e que fala de temas tan importantes como a amizade, a natureza e a importancia dos coidados e dos autocoidados. Na colección ‘Clásicos Ilustrados’, Miguel Robledo volverá poñer os seus pinceis ao servizo dunha historia inesquecible: Heidi, de Johanna Spyri. A colección ve a luz grazas a un cento de mecenas literarias que cada ano apoian a publicación destas obras universais na biblioteca galega.

Xa tamén para o outono-inverno haberá máis novidades de cómic xuvenil e poesía. E algunha sorpresa.