PROPOSTA EDITORIAL AOS CENTROS ESCOLARES

Ampla oferta de libros infantís e xuvenís en Aira

Aínda que nos gusta presumir de que temos tanta variedade de títulos e intereses que todos os nosos libros se poden desfrutar case que dos 0 aos 100 anos, xa falando en serio, Aira mantén unha ampla oferta de títulos pensados para o público infantil e xuvenil.

Preescolar

Para público prelector, no noso catálogo destaca a obra Teño dereitos, de Miguel Robledo, editado en colaboración coa asociación Esculca. Este libro didáctico e visualmente moi fermoso, é unha ferraenta para aprenderlles aos máis cativos a importancia dos dereitos humanos nunha sociedade democrática.

A partir dos 6 anos

Álbum ilustrado e libro informativo.

Macedonia de versos, con textos de Concha Blanco e ilustracións de Lidia Nokonoko, é un delicioso libro de poemas para crianzas que gañou o Premio Martín Sarmiento 2019 nas categorías de 1º e 2º de Primaria.

Tres contos para crianzas, con historias de Vicente Risco e ilustracións de Noemí López, ten o resaibo dos contos de sempre, tocados co talento do grande escritor ourensán. Esta obra foi coeditado coa Fundación Vicente Risco.

Clover, con textos en galego e inglés de Beatriz Cabaleiro, e ilustracións de Blanca Millán, conta unha deliciosa historia de superación e fantasía cotiá.

Atlas da Galicia pequeniña é o libro máis vendido da historia de Aira. Un percorrido visual moi divertido polos principais elementos da nosa cultura e idiosincrasia. Unha obra de Jorge Campos e César Cequeliños, quen tamén son autores de Un día de festa en… Allariz, guía turística ilustrada para crianzas que visiten a fermosa vila medieval.

Outros títulos infantís

Un dos ámbitos nos que Aira intenta ter máis pegada é no do cómic. Arestora temos cinco títulos de banda deseñada infantil:

Carriandola e Bulleira son os títulos da primeira e a segunda parte de “As abraiantes aventuras de Mariña”, un cómic no que participaron Aloysius, Simón Blanco, Ignacio Hernández e Miguel Robledo, e que nos transporta a unha Galicia alternativa e distópica na que falta a luz eléctrica e sobran as aventuras. Estas obras, que están incluídas no programa O teu Xacobeo, tamén teñen edicións en castelán e inglés.

Kameko, de Abel Alves e Jorge Campos, é un cómic de aventuras e artes marciais, unha homenaxe ao Xapón clásico. Tamén é de Jorge Campos o Alter·Nativo, escollido mellor cómic na Gala do Libro 2017, un libro sen palabras, en formato acordeón, unha auténtica xoia literaria que agora ten nos andeis a súa segunda edición.

Cheo de humor e aventuras está o Gazafellos, de Fon. Partindo da mitoloxía galega, o autor noiés proponnos coñecer os irmáns Tiago e Mauro e os seus novos e estrafalarios amigos.

Ademais, xa para público a partir dos 12 anos, propoñemos tres obras narrativas.

Dous clásicos, un xaponés, Unha noite no tren da Vía Láctea, de Kenji Miyazawa, traducido por Gabriel Álvarez e ilustrado por Miguel Robledo. Esta obra, considerada “o Principiño” nipón, é unha obra de grande altura literaria, combinada cunha linguaxe accesible e fantasiosa idónea para o público infantil.

Tamén é un clásico de alto nivel O xardín secreto, de Frances Hodgson Burnett, traducido ao galego por Carlos Freire. Unha historia inmortal que fai resplandecer a literatura e valores tales como a amizade, o amor pola natureza e a ansia de superación e mellora.

A nena do vestido de flores, de Manuel Fontemoura, é un libro de ficción, mais o seu transfondo intenta ser realista: contar as experiencias de Dania Victoria, unha nena con Asperger que ten que lidar cun mundo que nin sempre entende o que lle pasa.

Misterio

As novelas de María Oruña son ideais para manter o gusto pola lectura durante o inicio da adolescencia. As súas historias son trepidantes e cheas de intriga e misterio. O souto dos catro ventos combina a ficción histórica coa investigación detectivesca sobre os misteriosos nove aneis máxicos dos bispos de Santo Estevo de Ribas de Sil. O que a marea esconde proponnos un “cluedo” moderno a bordo dun luxoso barco. Quen matou a Judith Pombo, a todopoderosa presidenta do club de tenis?

Abalando entre a novela negra e a novela humorística recomendamos Guías caninos, de Bieito Iglesias, unha historia protagonizada por un policía moi orixinal e falangueiro e ambientada no Ourense do 2017.

Clásicos diversos

Publicamos este ano Frankenstein en versión rústica. Unha boa oportunidade para ler ou reler esta obra marabillosa de Mary Shelley, traducida ao galego por Samuel Solleiro. Solleiro é tamén o tradutor da versión ilustrada (por 22 artistas de primeirísimo nivel) de Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob, unha das obras máis importantes da historia da literatura universal.

O paso do Noroeste é un clásico rescatado de Xavier Queipo, con cuxa reedición celebramos o seu 25º aniversario, cando gañou o premio García Barros. Novela de aventuras e de coñecemento ambientada no Océano Atlántico pouco antes de que estalase a Revolución francesa.

Outras narrativas

Lonxe dos xéneros e das etiquetas escriben algúns destoutros autores que che recomendamos: Déixate de ódegas, de Xosé Manuel Vega, recolle pequenos retais de historias que o propio autor viviu na súa infancia nos Ancares. Unha pequena marabilla, considerado o equivalente a Memorias dun neno labrego dos nacidos na década do 1960. Tamén de vivencias no medio rural, mais cunha perspectiva coral e protagonismo feminino, vai Madialeva, de Ana Moreiras, un cómic que inaugurou a nosa colección ‘Mulleres Ilustradoras’.

Para toda a vida, de Eva Moreda, está considerado pola crítica o mellor libro da autora e un dos máis destacados dos últimos tempos. Unha historia protagonizada por unha emigrante en Gran Bretaña que dubida entre volver á casa ou afincarse de vez no seu país de acollida. Unha reflexión sobre o presente, sobre o significado que hoxe ten o tópico “para toda a vida”.

A poesía é tamén un xénero literario acaído para público xuvenil. E así o leva demostrado Curiosidade, de Estíbaliz Espinosa, con grande aceptación entre o público adolescente grazas ao seu gran valor estético e ao seu achegamento, fascinante coma un fulgor, ao ámbito do coñecemento científico.